Ao longo dos cinco continentes atopamos milleiros de filatélicos. O coleccionismo da marcofilia (estudo de fechadores, marcas postais ou cuños conmemorativos, entre outros) lévanos a que, nalgúns casos, na actualidade os coleccionistas soliciten a Correos ou ás oficinas locais os cuños conmemorativos que se utilicen alí ou incluso os ordinarios utilizados pola propia oficina. Para isto o coleccionista envía unha carta á oficina de Correos onde se atopa o cuño desexado e, no seu interior, achégase unha carta informativa do que se desexa cuñar ou cun ou varios sobres ou tarxetas franqueadas a destino.
Pois ben, ata a oficina postal de O Rosal chegou a primeira carta para solicitar o cuño turístico da localidade. A sorpresa foi que, este primeiro coleccionista que solicitou o noso cuño foi de Osaka, en Xapón, e, ao mesmo tempo, o cuño do Rosal irá de volta ata alí. A primeira viaxe ata a outra punta do mundo!
Despois dese xa chegaron case un centenar do territorio español.